mércores, 21 de xaneiro de 2026

Día 3 da visita de alumnado e profesorado de Lijó, Portugal

 O terceiro día da visita Erasmus+ do grupo do Agrupamento de Escolas Vale do Tamel de Lijó (Portugal) estivo cheo de actividades dinámicas e moi enriquecedoras. Os 22 estudantes de 13 e 14 anos, acompañados por tres profesores, participaron nunha xornada variada que combinou aprendizaxe, creatividade e benestar.

A mañá comezou cun obradoiro para coñecer os recursos derivados do programa Polos Creativos, no que o alumnado puido descubrir diferentes espazos, ferramentas e iniciativas orientadas a fomentar a creatividade, a innovación e o traballo colaborativo. Foi unha oportunidade excelente para coñecer novas posibilidades educativas e de desenvolvemento persoal.





A continuación, levouse a cabo un divertido e didáctico obradoiro de falsos amigos en galego, castelán e portugués, no que o alumnado reflexionou sobre as semellanzas e diferenzas entre as tres linguas. A través de exemplos prácticos e actividades participativas, reforzouse a competencia lingüística e intercultural, nun ambiente moi participativo.



Despois, os estudantes gozaron dunha sesión de ioga en inglés, unha actividade que combinou exercicio físico, relaxación e práctica da lingua estranxeira. Esta experiencia permitiu traballar o benestar emocional e corporal, ao tempo que se reforzaba o uso do inglés dun xeito natural e diferente.






A xornada pechouse cunha sesión de defensa persoal, na que o alumnado aprendeu técnicas básicas para mellorar a súa seguridade e confianza persoal. A actividade resultou moi motivadora e foi valorada moi positivamente tanto polos estudantes como polo profesorado.








Sen dúbida, este terceiro día da visita Erasmus+ contribuíu a fortalecer os lazos entre os participantes, a promover valores como a cooperación e o respecto, e a vivir experiencias educativas inesquecibles.

martes, 20 de xaneiro de 2026

Día 2 da visita do alumnado e profesorado de Lijó, Portugal

 No segundo día da mobilidade Erasmus+ recibimos no noso centro a un grupo de 22 estudantes de 13 e 14 anos e tres profesores do Agrupamento de Escolas Vale do Tamel de Lijó (Portugal). A xornada comezou cun interesante obradoiro cultural sobre Galicia e Portugal, no que o alumnado puido compartir coñecementos, tradicións e curiosidades dos dous países, reforzando os lazos culturais e lingüísticos.









Ao longo da mañá tamén realizaron unha visita á biblioteca do centro, coñecendo o seu funcionamento e os recursos dispoñibles para o alumnado. A xornada completouse cunha recepción oficial no Concello de Ourense, que supuxo unha experiencia moi especial para o grupo visitante.





Queremos agradecer especialmente á concelleira Tamara Silva pola súa cálida acollida e pola atención prestada ao alumnado e profesorado participante nesta mobilidade Erasmus+.

luns, 19 de xaneiro de 2026

Visita de alumnado e profesorado de Portugal. Día 1

Do luns 19 de xaneiro ao xoves 22 contamos coa visita dun grupo de 22 estudantes de 13 e 14 anos e tres profesores procedentes do Agrupamento de Escolas Vale do Tamel de Lijó (Portugal), no marco dunha mobilidade pertencente á súa Acreditación Erasmus+.

Esta visita ten como eixo principal a inclusión educativa, a mellora das competencias dixitais e medioambientais do alumnado participante e o reforzo da dimensión europea do noso centro. Así mesmo, o programa da mobilidade pon o foco na Biblioteca Escolar como núcleo dinámico da vida académica, baixo o lema “Biblioteca escolar: plataforma de saberes”, destacando o seu papel como espazo de encontro, aprendizaxe e innovación.


Primeiro día da mobilidade


A xornada inaugural estivo chea de actividades que favoreceron a acollida, a convivencia e o intercambio cultural. O día comezou cunha benvida oficial por parte do equipo directivo, que recibiu ao grupo portugués e presentou as liñas principais do proxecto e do centro educativo.






Ao longo da mañá, desenvolvéronse varias sesións en lingua inglesa centradas no coñecemento de Galicia, Portugal e a Unión Europea, promovendo a comunicación, o respecto pola diversidade cultural e o sentimento de pertenza a unha Europa común. Ademais, o alumnado participou nunha sesión de Natural Sciences, na que se traballaron contidos científicos desde unha perspectiva colaborativa e práctica.







A xornada rematou cun ambiente máis lúdico e distendido cun xantar, que permitiu fortalecer os lazos entre o alumnado dos dous países e continuar fomentando a convivencia nun entorno natural.


Esta mobilidade Erasmus+ supón unha experiencia enriquecedora para toda a comunidade educativa e un paso máis na apertura do centro a proxectos europeos baseados na cooperación, a inclusión e a aprendizaxe compartida.

xoves, 11 de decembro de 2025

Conexión co Liceo Manzoni de Varese, Italia

 O pasado venres vivimos unha desas experiencias que deixan pegada. O alumnado de francés de 3.º da ESO, acompañado pola súa profesora María José Gil, conectou por videoconferencia co alumnado de español do Liceo Manzoni de Varese (Italia), guiado pola profesora Susana Novoa, quen nos visitara o ano pasado durante a súa estancia de jobshadowing.











Foi unha oportunidade única para fortalecer lazos, aprender xuntos e abrir a aula ao mundo.

Durante a actividade, os rapaces e rapazas compararon e analizaron dous poemas: un de Rosalía de Castro e outro de Alessandro Manzoni, descubrindo coincidencias, influencias e emocións compartidas entre ambas culturas. Ademais, debatemos sobre a emigración, o concepto tan galego de morriña e intercambiamos preguntas sobre a vida e a realidade cotiá en España e en Italia.

O encontro foi tan especial que mesmo a televisión italiana asistiu para recoller o momento, deixando constancia desta experiencia tan enriquecedora.

Unha xornada memorable que o alumnado viviu con enorme ilusión e que foi posible grazas aos vínculos creados a través do programa Erasmus+. Seguiremos tecendo pontes e creando oportunidades para que o noso alumnado medre, aprenda e soñe máis alá das fronteiras.

martes, 9 de decembro de 2025

Obradoiro sobre emocións en inglés

 Despois da súa recente mobilidade Erasmus+ en Dublín, María José Gil quixo trasladar ao alumnado de 2º ESO parte da esencia da cidade e das metodoloxías observadas durante a súa estancia. Para iso, levou a cabo unha actividade centrada no team work e na aprendizaxe emocional a través do inglés.






O alumnado, organizado por grupos, traballou con panfletos informativos e mapas de Dublín para planificar a súa propia viaxe. Cada equipo debía decidir que lugares visitar, que monumentos coñecer, que actividades realizar e o presuposto necesario para levala a cabo. Este proceso permitiulles afondar na xeografía, a cultura e os espazos máis emblemáticos da capital irlandesa.

A actividade culminou cun exercicio de reflexión no que cada grupo compartiu como se sentiría realizando esa viaxe en solitario, favorecendo así a empatía, a conexión emocional co resto da clase e o autocoñecemento. Deste modo, combinouse a aprendizaxe lingüística coa educación emocional dun xeito natural e significativo.

Foi unha experiencia moi enriquecedora que ampliou a visión do alumnado sobre o mundo e sobre si mesmos, ao tempo que reforzou as súas competencias en inglés.