As nosas profesoras Chus Corral e Isabel Cachaldora continúan coa súa mobilidade Erasmus+ en Ámsterdam, onde participan nun curso sobre prevención e resolución de conflitos na aula, organizado pola Europass Teacher Academy.
Durante a terceira xornada de formación, afondaron en como os nesgos inflúen na práctica docente, abordando cuestións como o capacitismo e a posicionalidade do profesorado. Estes contidos traballáronse mediante actividades prácticas e reflexións compartidas, favorecendo unha maior conciencia sobre a influencia destes factores na convivencia e nas relacións dentro da aula.
A xornada completouse cunha visita á Casa de Ana Frank, un lugar de gran relevancia histórica que invita a reflexionar sobre a memoria, a tolerancia e o respecto aos dereitos humanos.
Na cuarta xornada, as docentes coñeceron diferentes métodos e estratexias para aplicar a democracia profunda na aula, participando en numerosas actividades prácticas e analizando as distintas perspectivas e os retos presentes nas súas respectivas realidades educativas.
Ademais, tiveron a oportunidade de seguir descubrindo o patrimonio cultural de Ámsterdam mediante un paseo en barco polas súas canles e unha visita ao Museo Moco de Arte Contemporánea.
Esta experiencia Erasmus+ continúa sendo unha excelente oportunidade para ampliar coñecementos, intercambiar experiencias e adquirir novas ferramentas que contribúan a mellorar a convivencia escolar, fomentar a inclusión e enriquecer a práctica educativa no noso centro.

















































