martes, 30 de xaneiro de 2018

Cadernos de Escola Embaixadora

Vimos de recibir os cadernos de traballo para prepararnos como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo e así ser anfitrións da celebración da Festa de Europa o 9 de maio e doutras iniciativas para coñecer e dar a coñecer o labor desta institución.


Grazas á oficina de información do Parlamento Europeo polo envío!

venres, 26 de xaneiro de 2018

Charla informativa ao profesorado sobre a estadía de observación en Turín

O mércores pasado, a titora de 2º de primaria, Antía Pousa,  impartíu unha interesantísima charla ao profesorado sobre todo o aprendido durante a súa estadía de observación noIstituto Comprensivo Marconi Antonelli en Turín.



Foron cinco días intensos de observación e colaboración grazas aos que Antía puido familiarizarse coas etapas educativas en Italia, os enfoque pedagógicos con máis presenza nas aulas de primaria e secundaria, os instrumentos de avaliación e a xestión e coordinación dun centro integrado de ensino obligatorio.
Ademais, compartíu con nós unha fascinante comparativa do sistema educativo español e da realidade docente e sociocultural de ambos centros, unha información valiosísima que sen dúbida terá un impacto a curto e longo prázo na nosa comunidade escolar.
Grazas, Antía!

mércores, 24 de xaneiro de 2018

Charla-coloquio sobre o Parlamento de Galicia

Tres ex-deputados/as do Parlamento de Galicia, María Dolores Seijas, Tereixa Paz Franco e Pablo Xabier López Vidal visitáronnos para participar nunha sesión divulgativa organizada polo Parlamento de Galicia e a Asociación de Ex-parlamentarios e que se enmarca dentro do noso programa de actividades como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo.




Durante a sesión, os ex-parlamentarios explicaron as funcións da camára autonómica, os  órganos que a integran e a súa relación coa cámara estatal e co Europarlamento. Logo das intervencións dos convidados/as, os alumnos de 4º da ESO  e 1º de bacharelato formularon preguntas para potenciar o seu coñecemento destas cámaras, o cal lles vai axudar no desempeño do seu rol como membros dunha Escola Embaixadora da Unión Europea. A charla complementouse cunha proxección audiovisual, que fixo un percorrido pola realidade da principal institución política de Galicia.
Moitas grazas por unha interesantísima sesión!



martes, 23 de xaneiro de 2018

Mini proxecto sobre Londres

A pouco máis de dúas semanas para que comece a 3ª mobilidade do noso proxecto Erasmus +, a clase de 4º de ESO-A, supervisada pola súa titora Beatriz Temes, ven de completar un fantástico folleto informativo sobre Londres. Alí, na capital do Reino Unido, atópase Bacon's College, o centro educativo ao que acudirá a xefa do departamento de inglés, Eva Pousa, para observar e intercambiar boas prácticas educativas.



Velaquí algúns momentos da entrega e da presentación do folleto. Congratulations guys on your awesome work!





















venres, 19 de xaneiro de 2018

Charla de Antía Pousa sobre a súa estadía en Turín

A titora de 2º de primaria, Antía Pousa, ven de dar unha interesante charla sobre a súa estadía no Istituto Comprensivo Marconi Antonelli en Turín o pasado mes de novembro. Con ela aprendimos as diferenzas entre ambos sistemas educativos, a súa experiencia cos alumnos e profesorado desta escola italiana e moitos do lugares emblemáticos e das costumes de esta cidade.











Grazie mille, Antía!

luns, 15 de xaneiro de 2018

Actividade formativa sobre o noso Plan de Desenvolvemento Europeo

A coordinadora do noso proxecto Erasmus +, Beatriz Nieto, participou como relatora nunhas xornadas de formación para o profesorado organizadas polo centro de formación e recursos (CFR) de Ourense o sábado pasado. Alí impartíu unha charla para dar a coñecer a posta en marcha de numerosos proxectos que fan do noso centro unha escola inclusiva, multicultural e plurilingüe tal e como se recolle no noso Plan de Desenvolvemento Europeo.



Con entusiasmo e de forma clara, Bea amosou os pormenores do noso proxecto Erasmus+, dos nosos proxectos eTwinning, do programa de Escolas Embaixadoras ao que pertencemos e o concurso Euroescola cuxa última edición vimos de gañar.





Grazas Bea por difundir o plan e ao CFR de Ourense por contribuír ao seu impacto!

luns, 8 de xaneiro de 2018

Entrevista a Antía Pousa sobre a súa estadía en Turín

Antía Pousa, titora de 2º de primaria, ven de compartir con nós a súa experiencia en Turín logo de rematar a súa estadía no Istituto Comprensivo Marconi Antonelli a finais do pasado novembro. Non deixes de ler esta entrevista. Grazas, Antía!

Antía coa directora e a coordinadora de programas europeos do IC Marconi Antonelli


Tipo de mobilidade: estadía de observación
Institución de acollida: Istituto Comprensivo Marconi Antonelli
Duración: 5 días
Lugar: Turín, Italia

Podes describir brevemente en que consistiu a túa mobilidade?
Consistiu e levar a cabo proxectos de intercambio de aspectos culturais de ambos países: gastronomía, festas, monumentos, música así como observar o funcionamento do centro e do día a día nas aulas.

Que tipo de actividades levaches a cabo durante a mobilidade?
Actividades de intercambio de impresións e materiais, observación de sesións de distintas áreas e participación no desenvolvemento das mesmas.

Que contidos foron os máis relevantes para a túa práctica docente?
O xeito de organizar as sesións así como o enfoque pedagóxico de varias áreas dependendo do nivel educativo.

Cales foron os aspectos máis positivos da experiencia?
Coñecer cómo funciona o sistema educativo doutro país e poder observar en primeira persoa o desenvolvemento dunha sesión.

Como cres que podería mellorar?
Organizando un pouco mellor o reparto das horas de observación no centro de acollida. Tamén penso que sería unha boa idea viaxar dous compañeiros.

Cal prevés pode ser o impacto da túa mobilidade na túa práctica docente e no centro?
Creo que esta estadía pode favorecer o uso de metodoloxías motivadoras e fomentar melloras na organización do centro.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio

Estarías disposto/a a participar noutra mobilidade dentro dun proxecto Erasmus+?

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto

Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
É unha experiencia moi enriquecedora tanto a nivel profesional como persoal.


Para saber máis sobre a mobilidade de Antía, fai clic AQUÍ.

mércores, 3 de xaneiro de 2018

Novo proxecto eTwinning: "Postcards around Europe"

Novo ano, novos proxectos!
Como parte do noso Plan de Desenvolvemento Europeo, os alumnos de 3º ESO A, supervisados por Eva Pousa, veñen de pór en marcha un proxecto europeo eTwinning titulado "Postcards around Europe" (Postais por Europa). Como o seu título indica, os nosos alumnos intercambiarán postais con alumnos de Vigo e doutros países europeos: Italia, Polonia, Romanía e Turquía.  Os alumnos de Turquía veñen de enviarnos este vídeo de presentación, sağolun!