xoves, 30 de novembro de 2017

3ª xornada en Turín

A nosa profesora de 2º de primaria, Antía Pousa, comparte con nós varias imaxes do seu 3º día no Istituto Comprensivo Marconi Antonelli en Turín. Acompañada pola coordinadora Erasmus Monica Battaglia, foi recibida pola directora do centro, Paola de Faveri, a quen lle entregou un libro bilingüe sobre Galicia e unha tarxeta de agradecemento en nome de toda a comunidade educativa.



Antía tamén visitou aulas de 1º e 4º de primaria, ás que lle amosou o vídeo grabado polo coro e que as que decidiron cantar dúas cancións en italiano para nós. 







Antía tamén puido contemplar os fantásticos traballos elaborados polos alumnos desta escola italiana.



Grazas de novo Antía por manternos ao día desta enriquecedora experiencia!

mércores, 29 de novembro de 2017

2ª xornada en Turín

Onte foi un día intenso e ilusionante na Scuola Primaria Alessandro Antonelli en Turín. A nosa profe de 2º de primaria, Antía Pousa, visitou aos alumnos de 2º en Turín, que con entusiasmo esperaban recibir as tarxetas de Ourense con ilustracións de Cachaldora e escritas polos alumnos de Antía.











Quedaron tan contentos que puxéronse mans á obra para escribir felicitacións de Nadal, que Antía repartirá cando estea de volta.




Ademáis, puideron aprender con ela varias expresións en castelán e galego, coñeceron a clase de 2º de primaria e viron o vídeo do coro interpretando unha canción en italiano que lles encantou!







Grazas Antía por compartir a túa experiencia e estas actividades tan bonitas!

A mobilidade a Turín na prensa!

O Xornal Escolar de La Región faise eco da 2ª mobilidade do noso proxecto: a estadía de observación que a titora de 2º de primaria, Antía Pousa, está a facer no Istituto Comprensivo Marconi Antonelli en Turín. 




martes, 28 de novembro de 2017

Saluti da Torino!

Velaquí as imaxes do primeiro día de Antía Pousa no Istituto Comprensivo Marconi Antonelli en Turín. Foi unha xornada intensa na que Antía puido observar  clases de 1º, 2º e 6º de primaria e impartir docencia a en varios grupos para amosarlles os libros sobre Ourense creados polosalumnos de 1º de primaria así como nocións básicas das nosas linguas e da nosa cultura.










Así mesmo, os alumnos de 6º de primaria amosáronlle a Antía un precioso libro sobre Turín e arredores creados por eles mesmos e que compartirán cos seus compañeiros do noso colexio.


Moitas grazas Antía por compartir a túa experiencia e ás profesoras do centro pola acollida! 

luns, 27 de novembro de 2017

Encontro Escolas Embaixadoras da Unión Europea

A nosa coordinadora de Programas Europeos, Beatriz Nieto, está en Madrid participando nun encontro do programa Escuelas Embajadoras de la Unión Europea. Ao longo de 2 días asistirá a ponencias, seminarios e obradorios nos que aprenderá como trasladar este programa a alumnos de 4º de ESO e de 1º de BAC e intercambiará boas prácticas docentes con compañeiros de toda España.

Velaquí varias imaxes da 1ª xornada. Grazas, Bea! 








domingo, 26 de novembro de 2017

Buon viaggio, Antía!

A titora de 2º de primaria, Antía Pousa, viaxará á cidade italiana de Turín para participar nunha estadía de observación nun colexio de educación primaria, o Instituto Comprensivo Marconi Antonelli, un centro que desde 2015 conta co selo de calidade de Marchio (S.A.P.E.R.I.) sobre servizos, igualdade, ensino, ética e inclusión.



Ao longo de 6 días, Antía terá a oportunidade de observar clases reais para analizar o seu enfoque pedagóxico e importar boas prácticas docentes. Ademais, entrevistarase con profesores para intercambiar información sobre a realidade educativa e sociocultural en Italia e no noso país e para sentar as bases de futuros proxectos de colaboración.




Boa viaxe, Antía!

venres, 24 de novembro de 2017

Cartoline postale per i nostri amici di Torino

A clase de 2º de primaria ven de escribir estas postais en italiano con preciosas ilustracións dun artista que nos encanta e que xa coñecemos, Rafael Cachaldora. A súa titora, Antía Pousa, levarallas aos seus compañeiros da Scuola Comprensiva Marconi Antonelli en Turín, cidade á que viaxará este domingo para levar a cabo a 2ª mobilidade Erasmus +.












Grazie tante, ragazzi!!