As profesoras Chus Corral e Isabel Cachaldora atópanse estes días en Sicilia realizando unha estancia de observación Erasmus de cinco días no Instituto Arquímedes de Módica, na cidade de Módica (Italia).
Trátase dunha experiencia de job shadowing que comparten con docentes doutros países europeos, concretamente de Francia e dos Países Baixos, o que lles permite intercambiar impresións e coñecer diferentes realidades educativas. No primeiro día, que tivo lugar onte, recibiron unha cálida benvida por parte do equipo directivo do centro. Durante a xornada realizaron un percorrido polas instalacións, coñeceron con máis detalle o funcionamento e as características do sistema educativo italiano e asistiron a un interesante debate protagonizado polo alumnado.
A xornada completouse cun xantar nunha trattoria típica da zona xunto co equipo directivo e o resto de profesorado visitante, favorecendo un ambiente distendido para compartir experiencias. Ademais, foron recibidas polas autoridades locais no Concello de Módica, nun encontro institucional que puxo en valor a importancia dos programas europeos para fortalecer os lazos entre centros educativos.
Sen dúbida, un primeiro día intenso e enriquecedor que marca o inicio dunha semana chea de aprendizaxes e novas experiencias.










Ningún comentario:
Publicar un comentario