venres, 29 de maio de 2026

Día 3 da estadía de observación en Varese

 Nesta ocasión, María José Novo visitou a Scuola dell’infanzia San Carlo, onde puido coñecer de preto a organización, os espazos e as metodoloxías da educación infantil italiana.















A través da observación nas aulas, descubriu prácticas centradas na autonomía, o benestar e a aprendizaxe activa do alumnado.

Unha xornada inspiradora de intercambio europeo que continúa abrindo novas perspectivas educativas e enriquecendo a experiencia docentes


xoves, 28 de maio de 2026

Día 2 da estadía de observación en Varese

 A profesora María José Novo continúa a súa estancia de observación Erasmus+ no Liceo Musicale Manzoni de Varese cunha xornada moi especial centrada na música e no intercambio cultural.











O día comezou cunha emotiva sorpresa preparada polo alumnado do centro italiano: a interpretación da coñecida canción La llorona nun dúo de voces acompañado por contrabaixo, guitarra e batería. Un momento inesquecible que puxo de manifesto o talento do alumnado e a importancia da música como linguaxe universal capaz de conectar culturas e emocións.

Durante a xornada, María José tamén tivo a oportunidade de percorrer as instalacións do centro e asistir a diferentes clases de guitarra, piano, canto, saxofón e TEC, coñecendo de preto a metodoloxía e o funcionamento do ensino musical italiano.

Ademais, realizou unha videochamada cos seus alumnos e alumnas de 5 anos do noso colexio, compartindo con eles parte desta experiencia internacional e achegando o proxecto Erasmus+ ao alumnado máis pequeno do centro.

Como peche da xornada, asistiu a un concerto de piano interpretado por varios estudantes do liceo, nun ambiente de convivencia, aprendizaxe e intercambio educativo.

Experiencias como esta continúan fortalecendo os vínculos europeos entre centros educativos e enriquecendo a formación do profesorado a través da observación, a colaboración e o intercambio de boas prácticas.


martes, 26 de maio de 2026

Estadía de observación en Varese, Italia

 María José Novo está a participar nunha estancia de jobshadowing no Istituto Statale Superiore “A. Manzoni” - Liceo Linguistico de Varese, dentro do programa Erasmus+.








Tras a agarimosa benvida de Susana, profesora que o curso pasado realizou unha estancia no noso centro, María José puido coñecer de preto a organización do instituto italiano, compartir experiencias educativas e presentar o noso colexio, a cidade de Ourense e o proxecto LÓVA ao alumnado de español.

Durante a xornada tamén se intercambiaron boas prácticas relacionadas coa xestión de proxectos Erasmus+, fortalecendo novas vías de colaboración internacional entre ambos centros educativos.

Esta experiencia supón unha oportunidade moi enriquecedora para seguir aprendendo, compartindo metodoloxías innovadoras e avanzando cara a unha educación máis aberta, colaborativa e europea.


venres, 22 de maio de 2026

Día 5 e último da mobilidade do alumnado en Peniche, Portugal

 O alumnado de 4º da ESO puxo hoxe o broche final á súa mobilidade Erasmus+ en Peniche, Portugal, acompañado polos profesores Beatriz Nieto e Diego Iglesias, dentro do intercambio co Agrupamento de Escolas Dom Luís de Ataíde.










Nesta última xornada, o alumnado participou nunha sesión de portugués na que puido seguir aprendendo aspectos básicos da lingua e achegarse aínda máis á cultura do país que os acolleu durante estes días.

Posteriormente, realizaron unha presentación sobre o seu centro educativo e sobre a cidade de Ourense, compartindo cos compañeiros portugueses información sobre a nosa cultura, tradicións e lugares máis representativos. Foi unha actividade moi enriquecedora que permitiu intercambiar experiencias e coñecer mellor as realidades de ambos países.

Ao longo da mañá tamén se entregaron os premios dos diferentes retos e actividades realizados durante toda a semana, nos que o alumnado participou con entusiasmo e gran implicación.

Un dos momentos máis especiais da despedida foi o intercambio de agasallos entre o alumnado galego e portugués. Os estudantes entregaron aos seus compañeiros portugueses marcapáxinas elaborados polo alumnado de Educación Especial do centro, un detalle feito con moito agarimo e significado, ademais de tartas de Santiago, un dos doces máis típicos e representativos de Galicia.

A mobilidade rematou coa emotiva cerimonia de entrega de certificados, que puxo fin a unha semana chea de aprendizaxes, convivencia, cultura e amizades.

Desde o centro queremos agradecer sinceramente ao Agrupamento de Escolas Dom Luís de Ataíde a súa excepcional acollida, a súa hospitalidade e o cariño co que recibiron ao noso alumnado e profesorado durante toda a estancia en Peniche. Sen dúbida, esta experiencia quedará para sempre na memoria de todos os participantes.


xoves, 21 de maio de 2026

Día 4 da mobilidade do alumnado en Peniche

 O alumnado de 4º da ESO continúa a súa experiencia Erasmus+ en Portugal acompañado polos profesores Beatriz Nieto e Diego Iglesias, dentro do intercambio co Agrupamento de Escolas Dom Luís de Ataíde de Peniche.

Neste cuarto día da mobilidade, o alumnado galego e os seus compañeiros portugueses realizaron unha excursión por diferentes localidades próximas, compartindo unha xornada de convivencia, cultura e descubrimento do patrimonio portugués.














A primeira parada foi en Alcobaça, unha fermosa cidade coñecida polo seu impresionante Mosteiro de Alcobaça, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. O alumnado puido coñecer a historia deste importante monumento medieval, un dos máis destacados de Portugal, así como percorrer as rúas desta tranquila localidade chea de encanto e tradición.

Máis tarde desprazáronse ata Nazaré, unha coñecida vila mariñeira portuguesa famosa polas súas praias, a súa tradición pesqueira e as súas enormes ondas, que atraen surfistas de todo o mundo. Alí compartiron o xantar todos xuntos, gozando da gastronomía e do ambiente típico desta vila costeira.

Despois do xantar visitaron São Martinho do Porto, unha localidade costeira moi coñecida pola súa espectacular baía en forma de cuncha e polas súas praias tranquilas e familiares. O alumnado puido pasear pola zona e desfrutar das vistas do océano Atlántico.

A xornada rematou en Óbidos, unha das vilas medievais máis fermosas de Portugal. As súas rúas empedradas, as casas brancas adornadas con flores e a súa muralla medieval fixeron desta visita unha experiencia moi especial para todo o grupo.

Foi un día cheo de convivencia, aprendizaxe e descubrimento da cultura e do patrimonio portugués, fortalecendo os lazos entre o alumnado galego e portugués e creando lembranzas inesquecibles desta mobilidade Erasmus+.