O alumnado de 4º da ESO continúa desfrutando da súa mobilidade Erasmus+ en Portugal acompañado polos profesores Beatriz Nieto e Diego Iglesias, dentro do programa de intercambio co Agrupamento de Escolas Dom Luís de Ataíde de Peniche.
Neste terceiro día da experiencia, o alumnado xa estaba máis adaptado á rutina da mobilidade e participou con moito entusiasmo nas diferentes actividades organizadas ao longo da xornada. Durante a mañá realizaron unha visita cultural por varios dos lugares máis emblemáticos de Lisboa, completando diferentes retos e actividades para coñecer mellor cada espazo visitado e descubrir a súa importancia histórica e cultural.
Entre os lugares visitados estiveron o Oceanário de Lisboa, onde puideron observar unha grande variedade de especies mariñas e coñecer mellor a riqueza dos ecosistemas oceánicos; a Torre de Belém, un dos monumentos máis representativos de Portugal; e tamén o Mosteiro dos Xerónimos, unha impresionante obra arquitectónica ligada á época dos descubrimentos portugueses.
Despois do xantar, a viaxe continuou ata Sintra, unha das vilas máis fermosas e visitadas de Portugal, coñecida polos seus pazos, os seus xardíns e a súa paisaxe chea de natureza e encanto. O alumnado percorreu as súas rúas e puido descubrir o ambiente especial desta localidade declarada Patrimonio da Humanidade.
Está sendo unha experiencia moi enriquecedora tanto a nivel cultural como persoal, permitindo ao alumnado aprender, convivir e descubrir novos lugares e tradicións!

















Ningún comentario:
Publicar un comentario