O alumnado de 4º da ESO puxo hoxe o broche final á súa mobilidade Erasmus+ en Peniche, Portugal, acompañado polos profesores Beatriz Nieto e Diego Iglesias, dentro do intercambio co Agrupamento de Escolas Dom Luís de Ataíde.
Nesta última xornada, o alumnado participou nunha sesión de portugués na que puido seguir aprendendo aspectos básicos da lingua e achegarse aínda máis á cultura do país que os acolleu durante estes días.
Posteriormente, realizaron unha presentación sobre o seu centro educativo e sobre a cidade de Ourense, compartindo cos compañeiros portugueses información sobre a nosa cultura, tradicións e lugares máis representativos. Foi unha actividade moi enriquecedora que permitiu intercambiar experiencias e coñecer mellor as realidades de ambos países.
Ao longo da mañá tamén se entregaron os premios dos diferentes retos e actividades realizados durante toda a semana, nos que o alumnado participou con entusiasmo e gran implicación.
Un dos momentos máis especiais da despedida foi o intercambio de agasallos entre o alumnado galego e portugués. Os estudantes entregaron aos seus compañeiros portugueses marcapáxinas elaborados polo alumnado de Educación Especial do centro, un detalle feito con moito agarimo e significado, ademais de tartas de Santiago, un dos doces máis típicos e representativos de Galicia.
A mobilidade rematou coa emotiva cerimonia de entrega de certificados, que puxo fin a unha semana chea de aprendizaxes, convivencia, cultura e amizades.
Desde o centro queremos agradecer sinceramente ao Agrupamento de Escolas Dom Luís de Ataíde a súa excepcional acollida, a súa hospitalidade e o cariño co que recibiron ao noso alumnado e profesorado durante toda a estancia en Peniche. Sen dúbida, esta experiencia quedará para sempre na memoria de todos os participantes.










Ningún comentario:
Publicar un comentario