O alumnado de 4º da ESO comezou hoxe a súa mobilidade de cinco días en Peniche, acompañado polo profesorado Beatriz Nieto e Diego Iglesias. Durante esta primeira xornada foron recibidos no Agrupamento de Escolas Dom Luís de Ataíde polo equipo directivo do centro, que lles deu a benvida e presentou o funcionamento e a organización do agrupamento escolar.
Ao longo da mañá, o alumnado puido visitar as diferentes instalacións do centro e coñecer de preto a súa biblioteca escolar. Esta visita resultou especialmente interesante para nós, xa que a biblioteca do noso centro forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia, polo que foi moi enriquecedor observar o funcionamento deste espazo educativo e as actividades que desenvolven arredor da lectura.
Tamén tiveron ocasión de coñecer unha iniciativa moi interesante chamada “10 minutos de lectura ao día”, unha proposta que fomenta o hábito lector entre todo o alumnado dedicando un pequeno tempo diario á lectura compartida.
Despois de compartir o xantar co alumnado e profesorado portugués, a xornada continuou cun percorrido por algúns dos lugares máis emblemáticos de Peniche, unha cidade costeira coñecida polas súas praias, a súa tradición mariñeira e a importancia histórica da pesca, especialmente da sardiña.
Foi un primeiro día cheo de aprendizaxes, convivencia e descubrimentos que sen dúbida marcarán esta experiencia internacional.














Ningún comentario:
Publicar un comentario