O pasado venres vivimos unha desas experiencias que deixan pegada. O alumnado de francés de 3.º da ESO, acompañado pola súa profesora María José Gil, conectou por videoconferencia co alumnado de español do Liceo Manzoni de Varese (Italia), guiado pola profesora Susana Novoa, quen nos visitara o ano pasado durante a súa estancia de jobshadowing.
Foi unha oportunidade única para fortalecer lazos, aprender xuntos e abrir a aula ao mundo.
Durante a actividade, os rapaces e rapazas compararon e analizaron dous poemas: un de Rosalía de Castro e outro de Alessandro Manzoni, descubrindo coincidencias, influencias e emocións compartidas entre ambas culturas. Ademais, debatemos sobre a emigración, o concepto tan galego de morriña e intercambiamos preguntas sobre a vida e a realidade cotiá en España e en Italia.
O encontro foi tan especial que mesmo a televisión italiana asistiu para recoller o momento, deixando constancia desta experiencia tan enriquecedora.
Unha xornada memorable que o alumnado viviu con enorme ilusión e que foi posible grazas aos vínculos creados a través do programa Erasmus+. Seguiremos tecendo pontes e creando oportunidades para que o noso alumnado medre, aprenda e soñe máis alá das fronteiras.



















































