xoves, 11 de decembro de 2025

Conexión co Liceo Manzoni de Varese, Italia

 O pasado venres vivimos unha desas experiencias que deixan pegada. O alumnado de francés de 3.º da ESO, acompañado pola súa profesora María José Gil, conectou por videoconferencia co alumnado de español do Liceo Manzoni de Varese (Italia), guiado pola profesora Susana Novoa, quen nos visitara o ano pasado durante a súa estancia de jobshadowing.











Foi unha oportunidade única para fortalecer lazos, aprender xuntos e abrir a aula ao mundo.

Durante a actividade, os rapaces e rapazas compararon e analizaron dous poemas: un de Rosalía de Castro e outro de Alessandro Manzoni, descubrindo coincidencias, influencias e emocións compartidas entre ambas culturas. Ademais, debatemos sobre a emigración, o concepto tan galego de morriña e intercambiamos preguntas sobre a vida e a realidade cotiá en España e en Italia.

O encontro foi tan especial que mesmo a televisión italiana asistiu para recoller o momento, deixando constancia desta experiencia tan enriquecedora.

Unha xornada memorable que o alumnado viviu con enorme ilusión e que foi posible grazas aos vínculos creados a través do programa Erasmus+. Seguiremos tecendo pontes e creando oportunidades para que o noso alumnado medre, aprenda e soñe máis alá das fronteiras.

martes, 9 de decembro de 2025

Obradoiro sobre emocións en inglés

 Despois da súa recente mobilidade Erasmus+ en Dublín, María José Gil quixo trasladar ao alumnado de 2º ESO parte da esencia da cidade e das metodoloxías observadas durante a súa estancia. Para iso, levou a cabo unha actividade centrada no team work e na aprendizaxe emocional a través do inglés.






O alumnado, organizado por grupos, traballou con panfletos informativos e mapas de Dublín para planificar a súa propia viaxe. Cada equipo debía decidir que lugares visitar, que monumentos coñecer, que actividades realizar e o presuposto necesario para levala a cabo. Este proceso permitiulles afondar na xeografía, a cultura e os espazos máis emblemáticos da capital irlandesa.

A actividade culminou cun exercicio de reflexión no que cada grupo compartiu como se sentiría realizando esa viaxe en solitario, favorecendo así a empatía, a conexión emocional co resto da clase e o autocoñecemento. Deste modo, combinouse a aprendizaxe lingüística coa educación emocional dun xeito natural e significativo.

Foi unha experiencia moi enriquecedora que ampliou a visión do alumnado sobre o mundo e sobre si mesmos, ao tempo que reforzou as súas competencias en inglés.