luns, 19 de xaneiro de 2026

Visita de alumnado e profesorado de Portugal. Día 1

Do luns 19 de xaneiro ao xoves 22 contamos coa visita dun grupo de 22 estudantes de 13 e 14 anos e tres profesores procedentes do Agrupamento de Escolas Vale do Tamel de Lijó (Portugal), no marco dunha mobilidade pertencente á súa Acreditación Erasmus+.

Esta visita ten como eixo principal a inclusión educativa, a mellora das competencias dixitais e medioambientais do alumnado participante e o reforzo da dimensión europea do noso centro. Así mesmo, o programa da mobilidade pon o foco na Biblioteca Escolar como núcleo dinámico da vida académica, baixo o lema “Biblioteca escolar: plataforma de saberes”, destacando o seu papel como espazo de encontro, aprendizaxe e innovación.


Primeiro día da mobilidade


A xornada inaugural estivo chea de actividades que favoreceron a acollida, a convivencia e o intercambio cultural. O día comezou cunha benvida oficial por parte do equipo directivo, que recibiu ao grupo portugués e presentou as liñas principais do proxecto e do centro educativo.






Ao longo da mañá, desenvolvéronse varias sesións en lingua inglesa centradas no coñecemento de Galicia, Portugal e a Unión Europea, promovendo a comunicación, o respecto pola diversidade cultural e o sentimento de pertenza a unha Europa común. Ademais, o alumnado participou nunha sesión de Natural Sciences, na que se traballaron contidos científicos desde unha perspectiva colaborativa e práctica.







A xornada rematou cun ambiente máis lúdico e distendido cun xantar, que permitiu fortalecer os lazos entre o alumnado dos dous países e continuar fomentando a convivencia nun entorno natural.


Esta mobilidade Erasmus+ supón unha experiencia enriquecedora para toda a comunidade educativa e un paso máis na apertura do centro a proxectos europeos baseados na cooperación, a inclusión e a aprendizaxe compartida.