luns, 15 de xuño de 2026

Día 5 da estadía de observación en Katowice, Polonia

 A nosa directora, Beatriz Temes, que iniciou esta semana unha estadía de observación (job shadowing) de cinco días na Szkoła Podstawowa nr 33 z Oddziałami Dwujęzycznymi im. Stanisława Ligonia de Katowice (Polonia), un centro con ampla experiencia en proxectos Erasmus+ e cooperación internacional, xa está de regreso en Ourense. Non obstante, quere compartir con nós o vivido na quinta e última xornada desta enriquecedora experiencia.












Foi unha xornada intensa e moi inspiradora, na que puido seguir coñecendo de preto diferentes aspectos da vida escolar e das metodoloxías empregadas no centro de acollida.

A mañá comezou cunha sesión de Educación Física, concretamente de natación, unha disciplina de grande importancia no sistema educativo polaco, onde o alumnado pode chegar a recibir ata dez horas semanais desta materia ao longo da súa escolaridade.

Posteriormente, visitou unha aula de Educación Primaria na que o alumnado estivera traballando previamente sobre a cultura española. Os nenos e nenas recibiron a Beatriz con moito agarimo e agasallárona con fermosos debuxos de corazóns e outras creacións inspiradas na nosa cultura, un detalle especialmente emotivo.

A continuación, asistiu a unha clase de inglés na que foi entrevistada para a radio escolar. Durante a conversa, respondeu en inglés a diferentes preguntas sobre o noso centro educativo e sobre España, nun ambiente moi participativo e próximo.

Máis tarde, observou unha sesión de Matemáticas na que se aplicou un enfoque lúdico da aprendizaxe, favorecendo a participación e a motivación do alumnado mediante actividades dinámicas e colaborativas.

A xornada rematou coa entrega de diplomas e cun encontro coa directora do centro anfitrión, no que ambas tiveron a oportunidade de intercambiar impresións sobre todo o vivido durante esta semana: metodoloxías, calidade docente, organización e xestión educativa, entre outros aspectos. Unha conversa moi enriquecedora que puxo o broche final a unha experiencia verdadeiramente inesquecible.

Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento á comunidade educativa da Szkoła Podstawowa nr 33 z Oddziałami Dwujęzycznymi im. Stanisława Ligonia pola súa magnífica acollida e pola súa xenerosidade á hora de compartir coñecementos, experiencias e boas prácticas.E, por suposto, dámoslle a benvida de volta á casa.


Ningún comentario:

Publicar un comentario