martes, 16 de xuño de 2026

Pechamos o Plan Erasmus+ 2025-2026 compartindo experiencias e celebrando o compromiso europeo

 O noso centro puxo o broche final ao Plan Erasmus+ deste curso cunha xornada moi especial na que o alumnado da ESO que participou na mobilidade Erasmus en grupo en Peniche (Portugal) compartiu co resto da comunidade educativa as súas experiencias, aprendizaxes e vivencias durante esta enriquecedora aventura europea.











A través das súas presentacións, os participantes trasladaron aos seus compañeiros e compañeiras os recordos e coñecementos adquiridos, destacando a importancia da convivencia, a cooperación e o intercambio cultural que caracterizan os proxectos Erasmus+.

Durante o acto tamén se fixo entrega das certificacións que acreditan ao noso centro como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, así como dos carnés de Embaixadores Júnior ao alumnado participante neste programa. Ademais, recibimos con ilusión as cartas enviadas polos nosos compañeiros e compañeiras do Colexio Gandía, centro do que somos escola mentora dentro do programa de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.

Con esta actividade pechamos un curso cheo de experiencias inesquecibles, aprendizaxes compartidas e compromiso cos valores europeos de cooperación, respecto e cidadanía activa.

Queremos felicitar a todo o alumnado participante pola súa implicación, entusiasmo e excelente representación do noso centro en cada unha das actividades desenvolvidas ao longo do curso.

Parabéns a todos e todas por facer do Erasmus+ unha experiencia transformadora e por seguir construíndo unha Europa máis unida, solidaria e comprometida.


Ningún comentario:

Publicar un comentario