luns, 8 de xuño de 2026

Estadía de observación en Katowice, Polonia

 A nosa directora, Beatriz Temes, iniciou esta semana unha estadía de observación (job shadowing) de cinco días na Szkoła Podstawowa nr 33 z Oddziałami Dwujęzycznymi im. Stanisława Ligonia de Katowice (Polonia), un centro con ampla experiencia en proxectos Erasmus+ e cooperación internacional.










Podes coñecer máis sobre o centro anfitrión na súa páxina web: https://www.sp33.katowice.pl/start


Durante o primeiro día, Beatriz recibiu unha excelente acollida por parte da coordinadora Erasmus do centro, do equipo directivo e da xefa de estudos, que lle deron a benvida e lle mostraron as instalacións mediante unha completa visita guiada polas diferentes dependencias da escola.


Ao longo da xornada, tamén tivo a oportunidade de coñecer os aspectos básicos do sistema educativo polaco, así como a organización e funcionamento do propio centro. Este intercambio de experiencias permitiulle comprender mellor as particularidades do ensino en Polonia e descubrir puntos en común cos centros educativos doutros países europeos.


Ademais, asistiu a varias sesións lectivas de diferentes etapas e materias. Entre elas, unha clase de Educación Primaria, unha sesión de Educación Física e unha clase de Matemáticas. Nesta última puido observar o uso da aplicación Abacus, unha ferramenta dixital empregada para traballar co alumnado en grupos reducidos e favorecer unha aprendizaxe máis personalizada.


Esta primeira xornada resultou moi estimulante e enriquecedora, permitindo intercambiar experiencias educativas, coñecer novas metodoloxías de ensino e observar prácticas innovadoras que poderán servir de inspiración para futuras actuacións no noso centro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario