O noso último día de intercambio Erasmus con estudantes e docentes de Peniche (Portugal) estivo cargado de aprendizaxes, emocións e momentos para lembrar.
A xornada comezou cun obradoiro moi especial no espazo Polos Creativos, onde o alumnado visitante puido mergullarse nun mundo cheo de innovación. Desde construcións con pezas modulares, pasando por experiencias de robótica e programación, ata realidade virtual, electrónica e mesmo unha demostración do uso da cortadora láser, o obradoiro foi unha mostra do potencial creativo e tecnolóxico do noso centro. Un espazo para explorar, experimentar e, sobre todo, crear.
Despois desta intensa sesión de aprendizaxe, realizamos unha visita guiada á biblioteca escolar, onde o noso alumnado fixo de anfitrión e mostrou os diferentes recunchos e recursos do centro. A biblioteca converteuse nun punto de encontro para compartir lecturas, proxectos e ideas entre culturas.
A continuación, dirixímonos ao Concello para unha recepción oficial, onde as autoridades locais deron a benvida ao grupo portugués e agradeceron esta iniciativa de cooperación europea que reforza os lazos entre comunidades educativas.
Como broche final, entregáronse os diplomas de participación nun acto cheo de emocións, palabras de agradecemento e despedidas agarimosas. Non faltaron os abrazos, os intercambios de contactos e o desexo común de que esta non sexa a última vez que compartimos camiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario