Na segunda xornada dos Erasmus Days, o alumnado de 5º de Educación Primaria participou nun divertido e enriquecedor obradoiro de curiosidades sobre a Unión Europea, unha actividade pensada para ampliar os seus coñecementos sobre a cultura, as tradicións e a diversidade dos países que a conforman.
O obradoiro estivo dinamizado e moderado polo alumnado da ESO que forma parte do programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo, que asumiu un papel protagonista na organización e no desenvolvemento da actividade, guiando os máis pequenos ao longo das diferentes propostas.
Organizados en grupos, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de colaborar, intercambiar ideas e poñer a proba os seus coñecementos, ao tempo que descubrían novos datos e curiosidades sobre os países da Unión Europea. Deste xeito, a aprendizaxe converteuse nunha experiencia participativa, dinámica e divertida.
Esta iniciativa permitiu fomentar o traballo en equipo, a cooperación, o respecto pola diversidade cultural e o sentimento de pertenza a unha Europa plural e unida, valores que forman parte da esencia do programa Erasmus+.
Foi unha experiencia moi positiva na que o alumnado de diferentes etapas educativas compartiu coñecementos e aprendizaxes, demostrando que aprender xuntos é unha excelente maneira de achegarnos á realidade europea.






Ningún comentario:
Publicar un comentario