martes, 14 de abril de 2026

Día 2 da visita Erasmus de alumnado e profesorado de Módica, Italia

Continuamos coa segunda xornada desta visita do programa Erasmus, na que participamos xunto a dúas profesoras e oito alumnos e alumnas dun instituto de educación secundaria de Módica (Italia).

Ao longo do día, o alumnado visitante asistiu a unha clase de Bioloxía, onde puido comprobar como funciona o proxecto Ciencia Activa. Ademais, revisaron contidos desta materia de 3º da ESO dunha maneira moi lúdica, a través dun rosco tipo Pasapalabra en italiano.







Tamén tiveron a oportunidade de observar unha aula de arte grego, coñecendo outras áreas do noso traballo educativo.








Por outra banda, foron recibidos no Concello de Ourense pola Concellería de Educación, a quen agradecemos a súa acollida.

Seguimos compartindo experiencias!


luns, 13 de abril de 2026

Visita Erasmus de alumnado e profesorado de Módica, Italia

 Hoxe demos comezo a unha nova e ilusionante experiencia dentro do programa Erasmus +no noso colexio. Recibimos a visita de dez alumnos e dúas profesoras procedentes dun instituto italiano da cidade de Módica, que compartirán con nós unha estadía de cinco días.










Durante esta semana, queremos darlles unha calorosa benvida e ofrecerlles a oportunidade de coñecer de preto tanto a nosa cultura como o funcionamento do sistema educativo en España. Para iso, temos preparado un completo programa de actividades que combina aprendizaxe e lecer.

Entre as actividades previstas, o alumnado visitante coñecerá a nosa biblioteca, onde participarán en dinámicas interactivas centradas na Unión Europea. Tamén realizarán prácticas no laboratorio de Ciencias de Bioloxía, o que lles permitirá achegarse ao noso xeito de traballar no ámbito científico.

Ademais, presentarán o seu propio centro educativo, favorecendo así o intercambio cultural e educativo. Ao longo da semana, participarán en distintas actividades en español e galego, así como en sesións de música, un taller de novas tecnoloxías e mesmo nunha clase de defensa persoal.


Como parte desta experiencia, tamén serán recibidos oficialmente no Concello, fortalecendo así os lazos institucionais e culturais.


Estamos seguros de que será unha experiencia moi enriquecedora para todas e todos, chea de aprendizaxes, novas amizades e lembranzas inesquecibles. ¡Benvidos!

sábado, 7 de marzo de 2026

Último día de job shadowing en Módica, Sicilia

 A última xornada da estadía de observación das profesoras Chus Corral e Isabel Cachaldora en Módica (Sicilia) puxo o broche final a unha semana intensa de aprendizaxe e intercambio educativo dentro do proxecto Erasmus+ do centro.

Durante o día tiveron a oportunidade de participar nun interesante obradoiro de fotografía xunto co profesorado e o alumnado do centro anfitrión, unha actividade creativa que lles permitiu coñecer novas propostas didácticas e compartir experiencias nun ambiente collaborative

Ademais, as dúas profesoras realizaron unha presentación sobre o funcionamento da biblioteca do noso colexio, explicando o seu papel dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación. Foi unha ocasión moi valiosa para compartir o traballo que se desenvolve no centro e intercambiar ideas arredor do fomento da lectura e do uso educativo da biblioteca.












A xornada rematou cun momento especial: a cerimonia de entrega dos certificados que acreditan a participación e a finalización da estadía de observación.


Con esta actividade péchase unha mobilidade que resultou moi enriquecedora e satisfactoria, tanto a nivel profesional como persoal, e que reforza os lazos de colaboración europea no ámbito educativo. 

xoves, 5 de marzo de 2026

Día 3 do job shadowing en Módica, Sicilia

 A terceira xornada da estadía de observación das profesoras Chus Corral e Isabel Cachaldora en Sicilia, dentro do proxecto Erasmus+ do colexio, estivo dedicada a unha enriquecedora saída cultural xunto con profesorado e alumnado do centro anfitrión.










Durante o día visitaron a cidade de Siracusa e a fermosa illa de Ortigia, dous lugares cheos de historia e patrimonio. Un dos momentos máis especiais da visita foi a parada no famoso teatro de Siracusa, onde foron os propios estudantes quen asumiron o papel de guías, explicando aos visitantes a historia e a importancia deste impresionante espazo histórico. Esta actividade permitiu coñecer mellor o lugar ao tempo que se compartían experiencias educativas nun ambiente moi próximo e participativo.


A xornada resultou moi interesante, combinando aprendizaxe, convivencia e descubrimento cultural nun contexto diferente ao da aula.


Mañá será o último día da estadía, no que as profesoras realizarán a súa presentación sobre a biblioteca do noso centro, poñendo así o broche final a esta experiencia de intercambio e colaboración internacional.

mércores, 4 de marzo de 2026

Día 2 do job shadowing en Módica, Sicilia

 No segundo día da súa estadía de observación en Módica, Sicilia, as profesoras Chus Corral e Isabel Cachaldora viviron unha xornada intensa, enriquecedora e chea de momentos especiais.

Á súa chegada ao centro educativo, foron recibidas polo alumnado de educación especial cun detalle moi doce: preparáranlles unha torta de benvida feita por eles mesmos. Foi un momento entrañable que puxo en valor o traballo que realizan e o papel activo que desempeñan na vida do centro.




A continuación asistiron a unha clase de español, onde puideron observar como se leva á práctica a inclusión educativa. Resultou especialmente interesante ver como o profesorado adapta metodoloxías e contidos para garantir a participación de todo o alumnado, creando un ambiente no que cada estudante atopa o seu espazo. Despois, varios alumnos tomaron o papel de docentes por un día e ofreceron ás nosas compañeiras unha pequena clase de italiano. Entre explicacións, risas e aprendizaxes compartidas, foi unha experiencia moi enriquecedora que reforzou o intercambio cultural.





A xornada continuou cunha visita á aula de robótica, onde coñeceron proxectos tecnolóxicos desenvolvidos polo alumnado, seguida dunha presentación sobre inclusión centrada na lexislación italiana. Este espazo permitiu reflexionar sobre o marco normativo que sustenta as prácticas inclusivas e comparalo coa nosa realidade educativa.


Para rematar o día, desprazáronse a unha granxa da contorna, onde puideron observar o proceso tradicional de elaboración do queixo ricotta. A visita culminou cun xantar na propia granxa, nun ambiente distendido que favoreceu o intercambio de impresións sobre todo o aprendido ao longo da xornada.


martes, 3 de marzo de 2026

Día 1 do job shadowing en Módica, Sicilia

 As profesoras Chus Corral e Isabel Cachaldora atópanse estes días en Sicilia realizando unha estancia de observación Erasmus de cinco días no Instituto Arquímedes de Módica, na cidade de Módica (Italia).



Trátase dunha experiencia de job shadowing que comparten con docentes doutros países europeos, concretamente de Francia e dos Países Baixos, o que lles permite intercambiar impresións e coñecer diferentes realidades educativas. No primeiro día, que tivo lugar onte, recibiron unha cálida benvida por parte do equipo directivo do centro. Durante a xornada realizaron un percorrido polas instalacións, coñeceron con máis detalle o funcionamento e as características do sistema educativo italiano e asistiron a un interesante debate protagonizado polo alumnado.









A xornada completouse cun xantar nunha trattoria típica da zona xunto co equipo directivo e o resto de profesorado visitante, favorecendo un ambiente distendido para compartir experiencias. Ademais, foron recibidas polas autoridades locais no Concello de Módica, nun encontro institucional que puxo en valor a importancia dos programas europeos para fortalecer os lazos entre centros educativos.


Sen dúbida, un primeiro día intenso e enriquecedor que marca o inicio dunha semana chea de aprendizaxes e novas experiencias.